O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director xerente de Afundación, a obra social ABANCA, Pedro Otero, inauguraron esta mañá a exposición Outras historias posibles no Café Moderno Afundación de Pontevedra. A proposta promove unha mirada máis diversa sobre a arte contemporánea galega ao reivindicar as traxectorias de seis destacadas creadoras: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. Comisariada por Susana Cendán, quen tamén estivo na inauguración, a mostra poderá visitarse ata o 30 de maio.
O representante da Xunta incidiu na relevancia dunha exposición cun relato que “procura enriquecer a historia da arte outorgando unha maior visibilidade a artistas galegas ou conectadas a Galicia” e destacou a importancia de “construír discursos integradores que dirixan a ollada cara ao talento de mulleres como as protagonistas deste proxecto”. López Campos apuntou tamén que “o proxecto quere celebrar a diversidade conceptual e estética como exemplo da riqueza da produción artística galega nas últimas décadas do século XX”.
Ademais, o titular de Cultura do Goberno galego sinalou a súa intención de “aproveitar a capacidade do Gaiás de xerar proxectos de calidade para compartir estes contidos con outros centros de Galicia e ampliar así as posibilidades de acceso á cultura da poboación”, facendo fincapé tamén na importancia de colaborar con institucións como Afundación. Neste senso, anunciou que o vindeiro 11 de abril vaise inaugurar na sede da entidade na Coruña a experiencia inmersiva Hábitats. Natureza Extendida, outra das propostas producidas pola Cidade da Cultura.
Pola súa parte, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, destacou durante o acto de inauguración de Outras historias posibles a importancia de “outorgarlle a estas artistas o lugar que lles corresponde por dereito propio e favorecer a novos públicos achegarse á súa obra, comprendela e apreciala”.
Sobre a mostra
Outras historias posibles chega a Pontevedra no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura e despois de ser exhibida no Museo Centro Gaiás, onde recibiu máis de 50.000 visitantes. Así, a mostra recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente.
