No marco da exposición Tattoo. Arte baixo a pel, que pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás a finais deste mes de abril, a Cidade da Cultura organiza o sábado, día 12, unha xornada especial de obradoiros dirixidos á cativada. Convidamos ás pequenas e aos pequenos a mergullarse nun mundo de aventuras, debuxos e símbolos máxicos para achegarse á historia e a evolución artística da tatuaxe. Estes obradoiros son como capítulos dun conto que se escribe con tinta, imaxinación... e un chisco de fantasía.
Os obradoiros están pensados para nenas e nenos a partir dos 7 anos de idade. Organízanse catro quendas de mañá e tarde, dúas para cada obradoiro. As entradas están á venda a través da web de Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás. Non quedes sen elas!
Capítulo I — Na procura da tatuaxe perdida
![]() |
Un xogo de exploración por Tattoo. Arte baixo a pel, onde vos converteredes en aventureiros e aventureiras á caza de tatuaxes misteriosas, mensaxes agochadas e historias esquecidas, resolvendo pequenas probas para descubrir os segredos que agochan as pezas da exposición. Unha aventura para coñecer a evolución da tatuaxe, comprender os seus significados culturais e a súa importancia en diferentes civilizacións. |
Capítulo II — Deseña o teu ‘tattoo’
![]() |
Un obradoiro de ilustración e creación de calcomanías, onde cada nena e neno poderá deseñar o seu propio símbolo, marca ou criatura fantástica e levalo (temporalmente) na pel. Experimentaremos con diferentes estilos e técnicas, tintas seguras e lavables con auga para explorar a tatuaxe como forma de expresión artística. |



