Residencias Paraíso | REGA 2025

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas impulsado polo Colectivo RPM co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa, entre elas a Fundación Cidade da Cultura, que acompaña o desenvolvemento de proxectos de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas.

O programa atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e á creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio, ao tempo que subliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. As residencias desenvólvense grazas a unha rede que atravesa Galicia de norte a sur coa colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais ata espazos non convencionais.

As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.

Artistas Paraíso 2025

A Cidade da Cultura —dentro das actividades ligadas ao seu Programa de Residencias Artísticas do Gaiás 2025— e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, acollen en residencia 2 dos 8 proxectos seleccionados na 9ª convocatoria das Residencias Paraíso, que desenvolverán o seu traballo entre os meses de maio e xuño.

A primeira destas dúas residencias combinadas será a do proxecto Tuerce, do creador transmasculino residente en Madrid Euyín Eugene. No centro da súa investigación están a disforia de xénero e a necesidade de diálogo a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

  • Tuerce. Residencia do 22 de maio ao 8 de xuño na Cidade da Cultura e do 9 ao 15 de xuño no Salón Teatro. Haberá un encontro aberto co público no Salón Teatro o día 13 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Tuerce - Euyín Eugene

A artista andaluza Isabel do Diego será a segunda creadora residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto Brutalismo: un concerto-escénico no que a artista reflexiona sobre o folclore do século XXI, a electrónica, a sonoridade, a musicalidade e o corpo que sae a escena.

  • Brutalismo. Residencia do 2 ao 15 de xuño na Cidade da Cultura e do 16 ao 22 de xuño no Salón Teatro. Encontro aberto co público o día 20 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Brutalismo - Isabel do Diego

Consulta aquí a resolución da convocatoria e a información ao detalle sobre cada unha das Artistas Paraíso 2025.

Residencias Paraíso é un proxecto do Colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.