Cando Castelao morre en 1950, vivíanse uns tempos nos que non era posible chorar a súa perda. Daquelas, o dramaturgo Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro. Agora, a compañía Fantoches Baj recrea esa escena adaptándoa á cativada para achegalos á figura de Castelao a través do teatro de marionetas de fío, narración oral e teatro de máscaras. Así, con motivo do Día do Teatro, a Biblioteca de Galicia trae a estrea absoluta da obra Castelao. Un corazón á intemperie.
A obra, dirixida a cativada a partir de 6 anos, detense nos momentos literarios e artísticos máis significativos da vida de Castelao cunha linguaxe adaptada a nenos e nenas. Esta peza escénica representa con marionetas parte da obra do autor: contos de 'Cousas'; narracións de 'Retrincos', escenas de 'Os vellos non deben namorarse' e o monólogo do esqueleto en 'Un ollo de vidro'.
Esta proposta, que ve a luz no 75 aniversario da morte de Castelao, pretende, ademais, contribuír á normalización e difusión da lingua nas idades máis novas e no contexto familiar e cultural. Ademais, darase a coñecer a figura de Castelao como político, intelectual, escritor e personaxe clave na promoción e normalización do galego debido ao seu profundo compromiso coa identidade cultural de Galicia e a súa convicción de que a lingua é un piar fundamental desa identidade.
