Os contos, ás veces, son coma as cereixas, cando botas un á boca parece imposible deixar de botar máis. En conmemoración polo Día da Narración Oral, Vero Rilo e Atenea García traen á Biblioteca de Galicia o espectáculo Bailan as vellas. Os contos das cereixas.
A través deste espectáculo trasládannos o legado das que non calaron, das que cantaron e bailaron para, así, traelas aos escenarios. Unha proposta de narración oral para público adulto que reivindica a cultura, a música e a poesía de transmisión oral galega. Estas historias chegan agora a escena para que non se perdan, para que as vellas canten e bailen tamén no noso presente.


