Este ano para o baile do Entroido no Gaiás viaxamos ao monte Esmeralda e á iconografía dunha saga literaria que fascina a nenos e nenas de todas as xeracións: a do marabilloso mundo de Oz. Unha tarde para toda a familia á que están convidados leóns covardes, pérfidas bruxas, espantallos sabios, monos voadores e ata os magos máis mentireiros. Poñede os vosos mellores zapatos (prateados ou vermellos) e acompañádenos nunha andaina polo camiño de lousas amarelas e unha tarde de festa rachada!
Para troulear a gusto acompañaranos a música de Paco Nogueiras e non faltará tampouco o noso xa tradicional desfile e concurso de disfraces: espremede ben os miolos para abraiar ao xurado coa orixinalidade do voso disfrace... e se encaixa coa temática do baile, aínda mellor!
[ E N T R A D A S E S G O T A D A S ]

C@nto Contigo | Un espectáculo de Paco Nogueiras
C@nto Contigo é máis que un concerto; é unha auténtica festa onde a música e o humor non deixan espazo para o aburrimento! Paco Nogueiras convídanos a unha tarde de troula na que percorremos os grandes éxitos dos seus traballos Brinca Vai!, Radio Bulebule e Extra!, facendo que a nosa lingua voe a través da música dun xeito lúdico e divertido.
Acompañado dos seus instrumentos, Paco Nogueiras mestura unha ampla variedade de estilos musicais: do techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias da tradición galega. A rapazada cantará e bailará sen complexos nunha viaxe musical na que o público é parte activa dunha experiencia chea de enerxía e bo humor.
Desfile e concurso de disfraces
Dádelle ás á imaxinación para deixar coa boca aberta ao público e ao xurado do noso concurso. Aínda que podedes participar con calquera disfrace, animámosvos a buscar inspiración no rico mundo do país de Oz para acompañarnos nesta xornada de festa no monte Esmeralda, xa que esta temática será especialmente valorada, xunto coa orixinalidade, á hora de seleccionar os disfraces gañadores.
E aínda que o obxectivo principal é pasalo ben, poderedes levar convosco un agasallo especial do artista convidado, Paco Nogueiras, así como un lote de libros en galego!

