Que desafíos trae a intelixencia artificial ao mundo das bibliotecas? A Biblioteca de Galicia organiza o vindeiro 7 de febreiro unhas xornadas técnicas para explorar esta ferramenta e os cambios que pode supoñer para o traballo destas institucións.
É unha realidade que a intelixencia artificial está a transformar servizos intrinsecamente bibliotecarios como o acceso á información. Os novos buscadores baseados na IA son unha ferramenta fundamental para sectores da sociedade cada vez máis amplos. A xestión documental, a catalogación ou a xeración de metadatos son áreas do traballo bibliotecario que se verán afectadas pola implementación das novas posibilidades que xurdan da intelixencia artificial. Dende a organización das xornadas fan fincapé na necesidade de que os profesionais bibliotecarios conten cos coñecementos e capacidades necesarias para orientar aos usuarios nun uso responsable e crítico das mesmas.
Todos estes desafíos e transformacións expoñeranse nas xornadas técnicas Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas. Delas participarán algunhas institucións que están a levar a cabo os estudos ou proxectos máis importantes a nivel estatal relacionados coa IA en bibliotecas: a Biblioteca Nacional de España, a Sociedad Española de Documentación e Información Científica (SEDIC), o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), a Fundación March e a Universidade de Granada. Tamén participarán compañeiros do Instituto da Lingua Galega e da Universidade de Santiago de Compostela que están a desenvolver o Proxecto Nós, un proxecto que, maila non estar directamente relacionado co mundo das bibliotecas, é fundamental para promover a presenza dixital do galego. O seu obxectivo é crear os recursos dixitais e lingüísticos necesarios para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia artificial e Tecnoloxías da Linguaxe tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en galego.
Aínda que a xornada está fundamentalmente deseñada para as e os profesionais das bibliotecas de Galicia, co obxectivo de mellorar a súa formación, a inscrición será libre e gratuíta para calquera persoa interesada. Descarga o programa AQUÍ.
