‘Ópticas contemporáneas’ programa no Gaiás tres concertos singulares de outono que conectan a música actual con Vivaldi, a historia e a antropoloxía

Santiago de Compostela, 25 de Agosto de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de anunciar os concertos que forman a segunda edición de Ópticas contemporáneas, ciclo que nesta ocasión explora a diversidade das composicións actuais e a súa relación coa antropoloxía, a historia e a música clásica. Serán tres actuacións a celebrar nas tardes do domingo 15 de setembro, o venres 18 de outubro e o sábado 16 de novembro no Museo Centro Gaiás.

Ópticas contemporáneas inicia coa actuación do Ensemble Música Práctica con Abraham Cupeiro como convidado especial. O multinstrumentista e luthier galego, coñecido polo seu traballo de recuperación de instrumentos antigos, interpretará La constelación de Sagitario, peza en estrea que o consagrado compositor compostelán Fernando Buide concibiu de maneira especial para Cupeiro. A obra é un encargo da Xunta de Galicia en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián dentro das súas accións de apoio á creación artística.

No programa deste primeiro concerto, o domingo 15 de setembro ás 19,00 horas, escoitaranse tamén fragmentos do Horóscopo do alemán Karlheinz Stockhausen, ademais de dúas composicións dos autores contemporáneos Leonardo Balada (Cataluña) e Joseba Torre (País Vasco), unidos con Buide pola súa formación e traxectoria.

Conexións co clásico e coa antropoloxía

O ciclo segue en outubro, o venres 18 ás 20,00 horas, coa representación de Mudar a pel, un traballo que conecta antropoloxía, paisaxes sonoras, audiovisual e literatura nunha experiencia escénica para sentir co corpo enteiro. A investigadora e profesora Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro Llorián García, e o historiador e artista sonoro Andrés Rodrigues dan forma a unha obra singular que leva á escena cuestións fundamentais que afectan á sociedade nos nosos días, como as violencias, a degradación ambiental ou a saúde mental. O proxecto é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada en conxunto polo Incipit-CSIC e a Fundación Cidade da Cultura.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Baldur Brönnimann, pecha esta edición de Ópticas contemporáneas o sábado 16 de novembro ás 20,00 horas coa interpretación The Four Seasons Recomposed. A peza, creada polo influente compositor británico-alemán Max Richter no 2012, revisa, desde unha aproximación minimalista, o clásico As catro estacións de Vivaldi.

Richter é coñecido a nivel internacional pola súa fusión de música clásica con electrónica, que ten levado con éxito a teatros e auditorios de todo o mundo e tamén ao audiovisual máis recente. As súas creacións forman parte de numerosas bandas sonoras de cine e televisión, como os filmes Arrival e Ad Astra, ou as series The Leftovers e Black Mirror, entre outras moitas.

As entradas para cada concerto poden adquirirse xa a través de Ataquilla.com e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.