O folk progresivo de Faneka e a cumbia urbana de Cosmic Wacho protagonizan esta semana ‘Atardecer no Gaiás’

Santiago de Compostela, 07 de Agosto de 2024

Os concertos desta semana de Atardecer no Gaiás, ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Fundación Cidade da Cultura, apostan pola fusión de estilos musicais coas actuacións da banda catalana Faneka —o xoves 8 de agosto—, e o dúo arxentino-malagueño Cosmic Wacho, o venres día 9. Ambas citas serán ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás, con entrada libre e de balde.

Formada por Inés de Lis, Bruna González, Anika Sobrino e Alán Denis, Faneka busca a simbiose entre o folclore iberoamericano e o rock progresivo para construír paisaxes sonoras cheas de luz e maxia. No escenario de Atardecer no Gaiás escoitaranse os temas do seu último disco, Naranjas al mar, no que o grupo canta sen complexos en catalán, inglés, castelán e galego —na canción Lalalá— reflexo da diversidade das súas orixes e influencias musicais.

Ao día seguinte será a quenda de Cosmic Wacho e a súa orixinal proposta de cumbia urbana, xurdida en pleno confinamento en 2020. O dúo arxentino-malagueño composto por Aless Domínguez e Franco Felici terá a encomenda de animar ao público coa súa mestura de psicodelia tropical, sintetizadores e letras cargadas de humor.

Seis concertos máis en agosto

Atardecer no Gaiás continúa todos os xoves e venres de agosto con seis propostas máis para gozar da música en directo. Os galegos Alana, ALARIDO e Santi Araújo, os madrileños Carrera Blanca e Rocío Saiz e a rapeira de orixes manchegas Bewis de la Rosa completan un cartel diverso no que teñen cabida os estilos que máis están a soar entre o público novo, como o neo-tradi, o indie, o electropop e os ritmos urbanos.

O ciclo inclúese na campaña CulturON do Goberno galego, que impulsa máis de 30 actividades culturais diarias por toda Galicia, e nesta edición volve contar co apoio de Cervezas Alhambra.