A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, e o xerente da Asociación Compostela Monumental, José Ángel Blanco, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para promocionar as actividades culturais que organice o Gaiás neste 2014, entre elas a exposición Auga Doce, que se inaugurará o vindeiro 21 de marzo.
A través deste convenio, Compostela Monumental, o centro comercial aberto do casco histórico de Santiago, e os seus 245 establecementos asociados buscan dar un maior apoio á programación cultural da cidade, difundindo entre os seus clientes a ampla oferta coa que conta Compostela, cun lugar destacado para o programa cultural do da Cidade da Cultura.
Beatriz González Loroño agradeceu o apoio de Compostela Monumental e dos seus 245 establecementos asociados e celebrou a unión entre o casco antigo de Santiago e o Gaiás a prol da cultura.
Centenario franciscano
A través deste convenio, Compostela Monumental súmase á conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), declarada “acontecemento de excepcional interese público”, que inclúe un extenso programa de eventos culturais entre os que se atopa a mostra ‘Auga Doce’.
O apoio de Compostela Monumental súmase aos xa asinados con Balnearios de Galicia, a madereira Finsa e co Mercado de Abastos de Santiago, ademais dos patrocinios da Fundación Aquae e da eléctrica Gas Natural Fenosa.
Cando a auga é arte
‘Auga Doce’ preséntase como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio coma o MoMA, Victoria & Albert, Rijksmuseum, Musée D’Orsey, Reina Sofía ou Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas. Un convite para descubrir, a partir do 21 de marzo, cando a auga é arte.
