Centos de persoas corren a Holi Gaiás para festexar a primavera baixo unha divertida poeira de cores

Foto: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 10 de Xuño de 2024

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este sábado preto dun milleiro de persoas que percorreron os espazos exteriores do Gaiás baixo unha poeira de cores para celebrar a primavera. A Holi Gaiás, popular carreira lúdica que cumpre a súa sexta edición, converteuse xa nun clásico das festas ao aire libre en Santiago de Compostela desta época do ano, coa súa mestura de deporte, natureza e música e onde o espírito lúdico se impón ao competitivo.

Como novidade, nesta edición celebrouse unha Peque Holi, onde nenos e nenas de 4 a 9 anos puideron tamén sumarse a esta tradición que ten a súa orixe nos festivais da India, pero importada con entusiasmo por países de todo o mundo que atopan nela unha oportunidade para celebrar en comunidade a chegada do bo tempo.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que participou na entrega de premios, enmarcou esta carreira no programa de actividades desenvolvidas no Gaiás para abrir o Bosque de Galicia e o resto dos seus espazos verdes á cidadanía e para ampliar a oferta lúdica a todos os públicos, incluída a mocidade.

A carreira, cun circuíto de 5 quilómetros para os maiores e de outro de 700 metros para a Peque Holi, contou con música e coreografías que animaron aos participantes durante a mañá; e -malia ser unha carreira máis festiva ca competitiva-, houbo premios nas categorías infantil e adulta para as mellores clasificacións.

A proba está organizada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Está aberta a persoas tanto federadas como non federadas. 

 
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente