«Molto Barroco» de Píscore | Día da Música na Biblioteca de Galicia

Unha festa da mellor música barroca, un espectáculo cargado de humor onde as personaxes, as músicas, o teatro cómico e os espazos escénicos compoñen un mosaico que funciona á perfección para o goce de cativada e persoas adultas. Píscore Teatro trae ao Gaiás Molto Barroco, unha proposta escénica coa que a Biblioteca de Galicia vos convida a festexar en familia o Día Europeo da Música.

Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares. Pero, paralelamente, o espectáculo nútrese doutra sinxela trama, unha sorte de comedia de enredo entre o Rei, a súa prometida e, se cadra, futura Raíña e o Compositor. Un triángulo amoroso que contará coa complicidade dun Bufón de actitude irreverente.

Píscore Teatro

A compañía Píscore Teatro, fundada en 2015, está composta polos músicos e actores Félix Rodríguez, Diego Rosal, Pepe Varela e Pablo Cabanelas. A filosofía de Píscore é crear espectáculos onde o teatro, o humor e a música clásica e contemporánea se dean a man. Sempre con orixinalidade, e con propostas novas e actuais, a súa posta en escena baséase nesta mestura de ingredientes, buscando sorprender ao público dende diferentes prismas: a comedia física, o virtuosismo sobre os instrumentos (principalmente marimba e xilófono) e as composicións musicais de recoñecida calidade.

Molto Barroco é un espectáculo de creación propia e dirixido por Fran Rei, onde os recursos actorais que entran en xogo pasan polos trazos interpretativos máis realistas dun músico barroco combinados co clown, a comedia física, os xogos malabares e os números de baile. 

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas