GC: Xornada Educa

Galician Connection céntrase nesta edición nunha temática de especial importancia: a integración das artes na educación. Invitaremos e daremos a coñecer iniciativas nacionais e internacionais que reivindican un papel máis significativo das artes dentro dos sistemas educativos. Destacaremos proxectos nos que as artes, e especialmente a música, son un eixe vertebrador nos currículos escolares, co obxectivo de mellorar os resultados educativos; mostraremos proxectos de educación musical innovadores que apostan por novas metodoloxías e pedagoxías de ensino; e ofreceremos un abano de iniciativas musicais que se están a desenvolver no ámbito universitario de Galicia.

ARTS EDUCATION. DAMIAN WOETZEL.

"A arte axuda aos nenos e mozos a mellorar o seu rendemento académico, tamén incrementa a posibilidade de que continúen os seus estudos máis tempo, e os profesores se senten máis motivados". Esta é unha das conclusións ás que chegou o proxecto piloto Turnaround Arts, posto en marcha polo Comité Presidencial para as Artes e Humanidades da Administración Obama, en oito escolas públicas de primaria e secundaria que presentan os resultados académicos máis baixos en cada un dos seus estados. O que fora bailarín principal do New York City Ballet desde 1989 ata a súa retirada dos escenarios en 2008, falaranos deste e outros proxectos, e compartirá as súas ideas sobre o papel das artes na sociedade e na educación.

 

TALENTO EN ESTADO PURO. XAIME FANDIÑO.

Intervención a cargo dun profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC cunha traxectoria de vocación multidisciplinar e co foco posto en proxectos artísticos e musicais dentro da universidade. Compartirá cos asistentes algunhas das iniciativas que está a desenvolver como Dock&Roll, ONU, o Boys e Vacas, así como a súa teima de converter  a actividade sonora e musical da comunidade universitaria nun activo relevante. Por outra banda, o CESGA e Canal Campus Lab presentarán un traballo de comunicación musical en rede que, con latencia cero, permite interpretar música simultánea en tempo real a intérpretes que se atopan en dúas localizacións espacialmente separadas.

 

UN ARTISTA NA AULA. JAVIER LÓPEZ. FUNDACIÓN BARRIÉ

A Fundación Barrié participará no Galician Connection a través de EducaBarrié, a súa contribución á comunidade educativa na busca da posta en valor do talento compartido. Javier López, director xeral da Fundación, introduciranos nesta nova canle que facilita o acceso a pais, alumnos e profesionais do ensino ás súas actividades, e que propicia accións e proxectos a partir da valiosa iniciativa dos profesores. Ademais, a profesora Begoña Codesal e a artista Estíbaliz Veiga, implicadas no proxecto 'Un artista na aula', mostrarannos as dinámicas que están a levar a cabo nesta proposta lanzada por EducaBarrié no 2013.

CHUVIA DE PROXECTOS INNOVADORES: ALIMENTA A TÚA INSPIRACIÓN. ANTÍA G. BEN.

Nesta sesión mostraremos unha selección de iniciativas pedagóxico-musicais novidosas e algúns proxectos innovadores no campo da integración da música na educación, dentro e fóra de Galicia, tanto de ámbito público como privado, e dirixidos a distintos grupos de idades. Unha visión inspiradora para docentes, estudantes ou xestores que nos servirá para xerar un interesante debate en torno á temática desta edición.