Malditos, transgresores, inadaptados... A excentricidade como pauta de creación e vida

Segundo os entendidos, o termo malditismo procede do libro de Paul Verlaine Os poetas malditos, por vez inspirado no título de Charles Baudelaire As flores do mal. A etimoloxía semella clara. E non obstante non é tan evidente por que o malditismo se logrou estender con tal éxito desde os séculos XVIII e XIX, e como esa estética ou mito romántico chega fresco a día de hoxe, sometido a periódicas actualizacións e variantes (vampiros, zombis). Moitos artistas do século XX encaixaron nesa estirpe de seres escuros, malogrados, incomprendidos, devotos dos camiños do exceso e con escaso apego á saúde. En particular, atopamos un filón nos mártires do rock, de Janis Joplin a Kurt Cobain, de Sid Vicious a Amy Winehouse. Vidas tráxicas e bohemias coas que se podería debuxar un santoral negativo. 

12:00 | Relatorio: Vicente Molina Foix. Licenciado en Filosofía e graduado en Historia da Arte, foi profesor nas Universidades de Oxford e do País Vasco. Formou parte, xunto a Leopoldo María Panero, do grupo dos nove novísimos poetas españois. Como novelista obtivo os premios Barral, Herralde, Azorín, Arcebispo San Clemente e Nacional de Narrativa. No ámbito escénico foi director literario do Centro Dramático Nacional. Colaborador habitual da prensa (El País, Fotogramas, Tiempo, Letras Libres) e apaixonado do cine, no que dirixiu dous filmes, é considerado un dos introdutores en España da obra de Thomas Bernhard.

12:45 | Exposición complementar: Bieito Iglesias. Profesor, tradutor e xornalista, é autor de novelas e relatos fundamentais no último decenio, galardoados, entre outros, co Premio García Barros, o Premio da Crítica ou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil. Como colaborador da prensa escrita foi distinguido co Premio Roberto Blanco Torres, e co premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega pola súa traxectoria no xornalismo cultural. 

13:15 | Performance poética: Maite Dono. Poeta, cantante e actriz. Recibiu o Premio Esquío de Poesía por Desilencios (2003), e o Premio Internacional Libros del Egoísta por Manta de Sombra (1996). A súa foi definida como “unha poesía excéntrica para tempos convulsos”. Nesta sesión presentará unha peza na que mestura texto e son de maneira improvisada. 

 
Letras & Pensamento