Cal é a estraña alquimia que se produce entre unha melodía e un texto? Como danzan xuntas letras e notas? Sabemos que hai músicos que se inspiran en poemas previos. E escritoresque busca palabras para que encaixen nun molde musical. Ás veces músico e escritor son a mesma persoa e o proceso de creación é simultáneo... Da ópera ao punk, do fado ás marchas marciais, as letras das cancións son poderosas armas de identificación colectiva. Nesta sesión tiraremos do fío dos cantautores, como exemplo didáctico para mellor comprender a relación entre música e literatura. E os nosos relatores analizarán a obra de clásicos como Bob Dylan, Leonard Cohen, Lou Reed, Caetano Veloso, Zeca Afonso, Léo Ferré, Germán Coppini e tantos e tantas mestras da composición. Porque... non era o canto o sentido orixinario da poesía?.
12:00 | Exposición: Sérgio Godinho. Autor, compositor, poeta, intérprete... Sérgio Godinho é un dos cantores máis aclamados da historia da música portuguesa. Ao longo dos seus corenta anos de traxectoria editou máis de trinta álbums, polos que obtivo infinidade de premios. A súa inqueda personalidade levouno a participar como actor en filmes, series de tv e teatro. Ten colaborado con músicos como Caetano Veloso, Milton Nascimento, Chico Buarque, Lenine, Teresa Salgueiro, Gabriel o Pensador, e un longo etcétera.
12:30 | Exposición: Uxía. Uxía é a nosa meirande cantora, unha virtuosa da composición e figura determinante da escena musical galega. Ao longo da súa vizosa carreira ten acometido proxectos xunto a Amália Rodrigues, María del Mar Bonet, Dulce Pontes, Chico César, Eliseo Parra, Niño Josele e boa parte dos músicos galegos de referencia. A súa traxectoria ten como eixos a renovación da música tradicional, a cuestión da muller, a poesía e o vínculo coa lusofonía. Énotable o seu papel como divulgadora e crítica musical en diferentes medios.
13:15 | Música: Uxía & Sérgio Godinho. Os nosos relatores interpretarán un pequeno repertorio de pezas acústicas, tanto en solitario como de forma conxunta.
De forma paralela á sesión de adultos, Nexos infantil traballará co CD Rosalía Pequeniña, da artista galega e cos textos da propia Rosalía de Castro, como medio que ilustrará o sentido poético da música e das letras das cancións. Inscricións, aquí.
