Programa da sesión
Marta Ríos, actriz
María Lado, poeta e actriz
Marta Ríos e María Lado dinamizarán e interpretarán esta aventura na que, como en todas as edicións de Ceo das Letras Infantil, a aprendizaxe e a diversión serán a mesma cousa.
Resolve pequenos misterios sobre a vida e a obra de Ramón Otero Pedrayo a través de xogos cos textos, actividades colectivas e pequenas lecturas, contando sempre coa axuda dun elenco de personaxes que os guiarán na súa investigación como se fose a procura dun tesouro.
A actividade desenvólvese nun percorrido que transcorre pola Biblioteca da Cidade da Cultura, onde os nenos van atopando actividades lúdicas do máis diverso que os achegarán ao escritor e á súa obra. Ademais, os nenos pintarán a Otero Pedrayo, escoitarán música, disfrazaranse, e moitas actividades máis.
O Autor: Otero Pedrayo
Ourense, 1888 – 1976
O gran patriarca das letras galegas foi un escritor prolífico, tanto na esfera literaria como no ámbito do ensaio.
Figura central do galeguismo cultural e político, posuidor dunha cultura enciclopédica e fondo coñecedor da sociedade rural galega da época, na súa obra agroman todos estes elementos enlazados por un verbo exuberante e evocador.
De entre a súa produción literaria destaca Arredor de si, ademais de Os camiños da vida, O mesón dos ermos, e O señorito da Reboraina.
