Ceo das Letras Infantil - 2012: Emilia Pardo Bazán

Programa da sesión

Raquel Queizás, actriz e contacontos

Marta Ríos, actriz

A actriz e contacontos Raquel Queizás entrará de cheo no mundo de Emilia Pardo Bazán a través do contacontos "O Cabaliño de Pedra", un espectáculo creado ad hoc para Ceo das Letras infantil e que recolle unha escolma de contos tradicionais ambientados no rural galego, a partir de lembranzas da súa nenez.

O Cabaliño de Pedra era un penedo que estaba preto da casa dos meus avós, no que me subía para viaxar polos contos da miña avoa, cheos de galiñas e galos, e lobos, e mouras, e años negros, e bonecas de millo.

Tras o contacontos, e guiados pola actriz Marta Ríos, os rapaces coñecerán a Pardo Bazán dende a súa condición de muller e da súa loita por ser académica, ao tempo que pintarán á escritora, poranlle música, xogarán aos disfraces, pintarán a cara, farán manualidades e moitas actividades máis nas que a aprendizaxe e a diversión serán a mesma cousa.

 

A autora: Emilia Pardo Bazán

A Coruña, 1851 – Madrid, 1921

Novelista, ensaísta, contista, xornalista e crítica literaria, dona Emilia é unha das máis eminentes escritoras da literatura española do século XIX.

A autora de Los pazos de Ulloa é considerada a introdutora do naturalismo e do espiritualismo ruso en España e foi a primeira muller en presidir a sección de literatura do Ateneo de Madrid, así como a primeira catedrática de Universidade e a primeira conselleira de instrución pública. A independencia e dignidade no seu vivir, e a denuncia da hipocrisía moral da época converteuna nun símbolo precursor dos movementos feministas de hoxe.

 

 
En familia