James Joyce - 2012

Dublín, 1882 – Zúric, 1941

Sen dúbida un dos literatos con maior relevancia na escrita do século XX. Autor de pezas mestras como Dublineses,  Retrato do artista cando novo, ou Finnegan's wake, acadou o seu cumio creativo no monumental Ulises, emblema do modernismo literario a partir do uso do monólogo interior ou fluxo da consciencia. A súa influencia é palpable na obra de Beckett, Borges, Burroughs e tantos outros. Entre nós, Otero Pedrayo acometeu unha das primeiras traducións dun fragmento do Ulises a unha lingua ibérica.

Programa

12:00 | Diálogo: Francisco García Tortosa & Antonio Raúl de Toro Santos

Francisco é Catedrático de Filoloxía Inglesa na Universidade de Sevilla, presidente da Asociación Española James Joyce e autor de numerosos libros sobre o xenio irlandés, ademais de responsable da tradución canónica do Ulises para a editorial Cátedra (1999).

Antonio é Catedrático de Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña, director do Instituto Universitario de Investigación de Estudos Irlandeses AMERGIN e tamén un sobresaínte investigador e divulgador da obra de Joyce. Recentemente dirixiu a prestixiosa antoloxía de literatura galega Breogan`s Lighthouse (Francis Boutle Publishers, 2010).

13:15 | Dédalus en Compostela (40')

Proxección audiovisual na que unha voz en off narra un suposto diálogo entre Vicente Risco e Stephen Dedalus, alter ego de James Joyce, nun paseo polas rúas compostelás.

13:30 | Concerto: Chamber Music (30')

A mezzosoprano Marion Sarmiento e o pianista  Nicasio Gradaille interpretan seis cancións do compositor estadounidense Samuel Barber (1910 – 1981) que poñen música a seis dos poemas da obra Chamber Music de Joyce. Produción propia do ciclo Galicia, Ceo das Letras.

Presenta |  Bieito Iglesias, membro da directiva do Centro Pen Galicia.