Román Rodríguez agradécelle aos patrocinadores da mostra 'Camiño. A orixe' o seu compromiso coa cultura e co Gaiás

Santiago de Compostela, 02 de Outubro de 2015

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mostroulles hoxe o seu agradecemento os patrocinadores da mostra ‘Camiño. A orixe’ que, desde o 13 de marzo ao 13 de setembro, fixo un relato da ruta xacobea a través de 150 obras de arte. 

Durante un acto celebrado na Cidade da Cultura, Román Rodríguez agradeceulles persoalmente aos patrocinadores e colaboradores da mostra o seu compromiso coa cultura, así como coas súas institucións. Deste xeito, o conselleiro recordou que grazas a esta alianza entre empresa e cultura, ‘Camiño. A orixe’ puido levarse a cabo exclusivamente con capital privado.

Tal e como recordou o conselleiro ante os representantes das empresas, ‘Camiño. A orixe’ non sería posible sen o patrocinio de Abanca, Gas Natural Fenosa, Sabadell Gallego, Red Eléctrica de España, Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Pastor-Grupo Banco Popular, Audasa e Vodafone, así como da Fundación Gaiás. Do mesmo xeito, Román Rodríguez agradeceu o seu apoio ás empresas colaboradoras: Televés, Correos, Renfe, R Cable, C.R.D.O. Ribeiro e a Deputación da Coruña.

Máis de 30.000 visitantes

Durante seis meses, máis de 30.000 persoas puideron emprender grazas a esta mostra da Cidade da Cultura unha viaxe que os devolveu ao minuto un, ao xermolo, á causa primixenia dun fenómeno histórico e cultural que perdura ata os nosos días: o da peregrinación.

Con obras mestras de grandes artistas como Durero ou Murillo procedentes de recoñecidas institucións, desde a Galería Uffizi ao Museo do Prado, Patrimonio Nacional ou a Catedral de Santiago; e outras pezas dun alto valor cultural, ‘Camiño. A orixe’ supuxo unha nova visión do fenómeno xacobeo, ligando nunha mesma mostra Historia, tradición e arte.