O Príncipe de Asturias inaugura 'Auga Doce'

Santiago de Compostela, 21 de Marzo de 2014

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceulle hoxe á Súa Alteza Real O Príncipe de Asturias a súa visita á nosa comunidade autónoma para visitar a exposición Auga Doce e sumarse así á homenaxe “a esa Galicia interior que aínda atesoura segredos que merecen a pena ser descubertos”. Así o dixo o mandatario autonómico, quen esta mañá acompañou a Don Felipe de Borbón durante o acto de inauguración da mostra na Cidade da Cultura.

O titular do Executivo autonómico referiuse a Galicia como un “afluente principal” de España e da Europa a cuxa transformación contribuíu decisivamente o Camiño de Santiago. “Galicia é un río permanentemente renovado que non esquece o seu itinerario”, aseverou, ao que engadiu que, “lonxe de querer alterar o camiño que nos trouxo ata aquí”, Galicia desexa seguir camiñando en compañía dos pobos “cos que compartimos tantas experiencias e éxitos comúns”.

Feijóo afirmou que Galicia non quere camiñar soa, “porque a soidade é estéril para as persoas e as comunidades”; e destacou o empeño en construír un país de portas abertas, “onde teña acomodo calquera que queira afrontar con nós proxectos ilusionantes”.

“O mundo está en Galicia e Galicia está no mundo. Somos unha terra de brazos abertos”, incidiu.

Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego referiuse á exposición coma unha mostra que pretende facerlle unha homenaxe á auga doce, a través da mirada de artistas de estilos e especialidades variados. Unha homenaxe feita, lembrou, no contexto do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, un fito tan espiritual como europeísta que recorda e confirma o papel de Santiago na creación dunha nova conciencia superadora de fronteiras.

Da man de xenios do talle de John Constable, David Hockney, Gerhard Richter, Louise Bourgeois, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz ademais dunha ampla selección de grandes creadores galegos, ‘Auga Doce’ propón unha intensa experiencia estética a través dunha selección multidisciplinar de obras que van desde a pintura á escultura, fotografía, vídeo, instalación, enxeños científicos ou pezas etnográficas.

Con ‘Auga Doce’, a Cidade da Cultura ofrece unha oportunidade única para contemplar 700 obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio como o MoMA, o Victoria and Albert, o RijksMuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza; ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.

Produción propia e con patrocinio privado

‘Auga Doce’ preséntase como un proxecto de produción propia da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que ten á fronte á directora de Acción Cultural, María Pereira. A exposición conta coa colaboración dun comité científico integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, director de MeteoGalicia; Benigno Amor, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia; e Silvia González Soutelo, doutora en Arqueoloxía. ‘Auga Doce’ contou ademais co asesoramento artístico de Marta González Orbegozo, ex-conservadora xefe de exposicións temporais do Museo Reina Sofía; e a montaxe foi deseñada polo arquitecto Juan Carlos Arnuncio, responsable entre outros proxectos do Museo Patio Herreriano de Valladolid. 

A exposición conta co patrocinio privado de catro grandes institucións: a eléctrica Gas Natural Fenosa, Fundación Aquae, o Banco Sabadell Gallego, ademais da Fundación Gaiás. Así mesmo, conta coa colaboración de Finsa, Balnearios de Galicia, Agamin, Coca Cola, Obra Social “La Caixa” e Augas de Mondariz. 

Mensaxe sustentable e solidaria

A través da arte, a exposición, que se inaugura precisamente na véspera do Día Mundial da Auga, convida a reflexionar sobre os desafíos que se perfilan na xestión responsable da auga. Nesta liña, a exposición colabora con dúas organizacións humanitarias: a ONG galega ‘Pozos de Auga Mayo Rey’, que está a traballar na construción de pozos nunha das rexións máis desfavorecidas de Camerún; e “Acción Contra el Hambre”, dedicada a promover o acceso á auga potable.

Este discurso ambiental e solidario de ‘Auga Doce’ leva a enmarcar esta exposición no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), pasando a integrar unha ambiciosa programación que pretende impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia. 

Cultura galega e conexións universais

A relación especial de Galicia coa auga planea sobre toda a exposición, convertida nun grande escaparate para descubrir a extraordinaria riqueza da nosa comunidade en recursos termais, minerais, enerxéticos e, por suposto, artísticos. As esculturas de Francisco Leiro, Manolo Paz, Acisclo Manzano ou Elena Colmeiro convivirán con intervencións ‘ad hoc’ de Jorge Perianes, Andrea Jambrina ou Rubén Ramos Balsa, pezas audiovisuais como a de Lois Patiño, pinturas como as de Laxeiro, Jenaro Pérez-Villaamil ou Eugenio Granell, e fotografías como as de Javier Teniente ou Manuel Vilariño. 

Mais alá da nosa realidade, a exposición convida ao visitante a conectarse con outros pobos onde a auga define tamén a súa identidade e a súa cultura. ‘Auga Doce’ ofrécenos a posibilidade de explorar expresións artísticas de comunidades culturais como a arte aborixe australiana ou a inuit do pobo esquimó, e de aproximarnos a outras realidades como a oriental a través dunha serie de estampas xaponesas, á africana ou á precolombina. 

‘Auga Doce’ distribúese polas catro plantas do Museo Centro Gaiás, descubrindo o universo líquido a través da ‘Auga Escondida’, na que introducirse na xeografía mítica do mundo subterráneo, as augas termais e a cultura dos balnearios; ‘Auga na terra’, onde ao visitante o agardan impresionantes paisaxes e os segredos dos grandes ríos do planeta; ‘Home e Auga’, cunha reflexión sobre a convivencia do home coa auga e os desafíos que agochan os misterios do clima; e ‘Mirando ao ceo’, coa fascinación que esconden os misterios do clima. Como complemento, ‘Auga Doce’ conta cun ‘Espazo Audiovisual’, onde poder contemplar as creacións artísticas que forman parte da mostra. 

Primeira semana de balde

A entrada a Auga Doce será de balde durante a primeira semana co fin de que todos os interesados poidan achegarse a gozar desta mostra. A partir da primeira semana, a exposición poderá tamén visitarse de balde todos os domingos ata a súa clausura o 14 de setembro. 

Durante a primeira fin de semana –sábado 22 e domingo 23-, os visitantes poderán participar tamén de xeito gratuíto nunha cata de augas minerais galegas, grazas á colaboración de Augas de Mondariz e AGAMIN, a Asociación Galega de Empresas Envasadoras de Augas Minerais Naturais, entidades colaboradoras da exposición. 

Tal e como se fixo con ‘Gallaecia Petrea’ e ‘Orinoco. Viaxe a un mundo perdido’, esta nova mostra opta por seguir unha fórmula mixta que combina entrada de pago con amplos beneficios para determinados colectivos. Deste xeito, o acceso será de balde para os menores de 18 anos, xubilados e desempregados. Ademais, os domingos será o día de portas abertas para todos os visitantes. A entrada xeral terá un custo de 4 euros, con tícket reducido de 2 euros para estudantes, familias numerosas, titulares do carné xoven, discapacitados e grupos de máis de vinte persoas. 

Para os visitantes que queiran desfrutar dunha experiencia máis completa desta exposición o Museo Centro Gaiás organizará visitas guiadas todos os días –de martes a domingo- ás 12.30 e 18.30 horas. Os luns, o museo permanecerá pechado. 

A exposición ‘Agua Doce’ conta cun completo programa de visitas didácticas en colaboración con La Obra Social “La Caixa”. Dirixido a todos os niveis educativos, desde os ciclos de Educación Infantil ata as ensinanzas universitarias, con contidos adaptados.