O Mercado de Abastos de Santiago promocionará o programa cultural do Gaiás

Santiago de Compostela, 11 de Marzo de 2014

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, e o presidente do Mercado de Abastos de Santiago, José Fernández Rodríguez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre as dúas institucións para promocionar as actividades culturais do Gaiás deste 2014, entre elas a exposición Auga Doce, que abrirá as súas portas no Museo Centro Gaiás o vindeiro 21 de marzo.

En virtude a este convenio, os eventos que teñan lugar na Cidade da Cultura pasarán a formar parte das actividades de dinamización que programa semanalmente o Mercado de Abastos de Santiago co obxectivo de proporcionarlle aos seus clientes unha atención máis personalizada e información de todo o que sucede na cidade. 

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia agradeceu o apoio do Mercado de Abastos de Santiago, de quen recordou que é o segundo lugar máis visitado de Compostela despois da Catedral. Deste xeito, Beatriz González Loroño celebrou establecer alianzas con diferentes sectores da cidade para seguir promovendo a cultura. 

Centenario franciscano

Pola súa banda, José Fernández recordou que a través deste convenio, o Mercado de Abastos de Santiago súmase á conmemoración do VIII Centenario de la Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), declarada “acontecemento de excepcional interese público”, que inclúe un extenso programa de eventos culturais entre os que se atopa a mostra Auga Doce.

O apoio do Mercado de Abastos de Santiago súmase aos xa asinados con Balnearios de Galicia e coa madereira Finsa e aos patrocinios da Fundación Aquae e da eléctrica Gas Natural Fenosa. 

Cando a auga é arte

Auga Doce inaugurarase o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio coma o MoMA, Victoria & Albert, Rijksmuseum, Musée D’Orsay, Reina Sofía ou Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra. 

A través de grandes nomes da arte como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgeois, Martín Chirino ou Chema Madoz, a exposición convida ao visitante a achegarse a un elemento tan definidor da identidade de Galicia como é a auga doce.