"la Caixa", colaborador de Auga Doce

Santiago de Compostela, 15 de Marzo de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe co director territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Benhamou, un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa didáctico da exposición ‘Auga Doce’, que abrirá as súas portas o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

Con este convenio, a Obra Social "la Caixa" reafirma o seu compromiso con Galicia e cunha das súas misións clave para o período 2010-2016: a aposta pola educación para alcanzar unha transformación social sostible e a xeración de oportunidades para as persoas. Deste xeito, a colaboración da Obra Social “la Caixa” apoia a posta en marcha das visitas didácticas para escolares que comezarán a desenvolverse este mes a través das que se transmitirán os valores educativos, solidarios e ecolóxicos que contén ‘Auga Doce’.

A mostra contará cun completo programa didáctico articulado en torno á educación artística, o compromiso ambiental e a investigación científica. Con contido adaptado ás diferentes idades, o programa diríxese a todos os niveis educativos, desde os alumnos de Infantil ata estudantes universitarios, e mesmo con oferta de actividades para Educación Adulta.

Do 25 ao 14 de setembro

Os centros educativos poden consultar as diferentes actividades que se ofertan segundo os tramos de idade no apartado de Aula Gaiás en www.cidadedacultura.org. A comunidade escolar poderá traballar contidos ambientais como o cambio climático ou a explotación dos recursos naturais; aproximarse a diferentes épocas históricas a través do aproveitamento que as civilizacións fixeron da auga; ou abordar aspectos científicos como os fenómenos atmosféricos ou as predicións meteorolóxicas.

Diferentes discursos que se tratarán a través de obradoiros, xogos interactivos, visitas musicais ou plásticas. As visitas para escolares terán lugar entre o 25 de marzo e o 12 de setembro e para participar só hai que pedir cita a través do mail visitasdidacticas@cidadedacultura.org ou ben a través do teléfono 881997584. 

O apoio da Obra Social "la Caixa" a ‘Auga Doce’, exposición incluída no programa cultural da VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, súmase ao acordo de patrocinio de Gas Natural Fenosa e Fundación Aquae, e aos convenios de colaboración de Balnearios de Galicia e coa madereira galega Finsa. 

Cando a auga é arte

‘Auga Doce’ inaugurarase o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra. 

A través de grandes nomes da arte como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz a exposición convida ao visitante a achegarse a un elemento tan definidor da identidade de Galicia como é a auga doce.