Gas Natural, patrocinador de Auga Doce

Santiago de Compostela, 10 de Marzo de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de acordar co delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer, que a compañía eléctrica se converta nun dos patrocinadores oficiais da nova exposición da Cidade da Cultura: Auga Doce, que abrirá as súas portas o 21 de marzo no Museo Centro Gaiás.

O apoio de Gas Natural Fenosa, unha das dez primeiras multinacionais enerxéticas europeas e líder na integración vertical de gas e electricidade de España e Latinoamérica, virá a sumarse aos convenios de colaboración asinados con Balnearios de Galicia e coa madereira galega Finsa, entidades colaboradoras de ‘Auga Doce’. 

Con este respaldo, Gas Natural Fenosa pretende seguir impulsando valores claves como a solidariedade e a colaboración con entidades que levan a cabo actividades de carácter cultural e formativo. Do mesmo xeito, amosa o seu compromiso con Galicia e a súa aposta por un proxecto expositivo que divulga valores vencellados á xestión sostible dos recursos ambientais.

A través do patrocinio que se derivará deste acordo, a compañía eléctrica colabora co VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), que ten a consideración de “acontecemento de excepcional interese público” e que inclúe un extenso programa de acontecementos culturais, como esta exposición.

Gas Natural Fenosa colaborará, deste xeito, nun evento que constitúe unha manifestación de intercambio notorio de valores humanos e representa unha testemuña excepcional da tradición cultural europea, vencellado a tradicións vivas, ideas ou crenzas de importancia e significación universal.

‘Auga Doce’ inaugurarase o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsey, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra. 

A través de grandes nomes da arte como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgeois, Martín Chirino ou Chema Madoz a exposición convida ao visitante a achegarse a un elemento tan definidor da identidade de Galicia como é a augua doce.