Fallados os II Premios 'Emprende Gaiás-Sixto Seco'

Santiago de Compostela, 01 de Outubro de 2014

Unha app de xeolocalización de espazos culturais para smartphone, unha firma de deseño de pezas téxtiles únicas e unha cooperativa de traballo para profesionais de xestión e creación contemporánea. Estes son os tres gañadores da segunda convocatoria dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais, que vén de fallar a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Cada un dos premiados incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás; asistirá, con todos os gastos pagados, ao Zinc Shower 2015, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa. 

Tras recibir o dobre de proxectos respecto á primeira edición, á hora de avaliar as iniciativas o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia. 

Internet, deseño e xestión cultural

Na modalidade de aplicacións web e proxectos culturais en internet, o premio Emprende Gaiás-Sixto Seco recaeu en Santiago Berdullas Silva e o seu proxecto Aspie, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets.  

Este sistema permite establecer a posición do usuario no interior dun edificio sin utilizar o sinal GPS. É idóneo para museos e espazos culturais, tanto para indicar puntos do edificio como rutas e destinos e, ademais, interacciona coa posición do usuario mostrándolle información da contorna que o rodea. A app tamén incorpora son, o que permite a súa aplicabilidade para persoas discapacitadas visuais e auditivas. 

Na área de deseño, a gañadora é Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil Frigilda is dead, elaboración de deseños sobre lienzo que a deseñadora traslada a pezas téxtiles de xeito individualizado e personalizado. Cada peza téxtil é única e ten a súa propia historia, que poderemos coñecer na web de venda online. A firma inclúe tamén produtos de orfebrería artesanal con deseños e produción propia.

Por último, na categoría de xestión cultural resultou gañadora Clara Rodríguez Cordeiro con 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea. A través dunha ocupación artística de espazos e contextos sociais destinados a investigación, produción, difusión e experimentación creativa, pretenden establecer conexión entre o mundo artístico e a sociedade. 

Tres proxectos xa en marcha

A primeira edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, convocada en 2013, tivo como gañadores a Hugo Crespo Pazos co proxecto Coolto na modalidade de proxectos culturais en internet, Isabel Albela González coa iniciativa Boh na área do deseño e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural.