O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe un convenio de colaboración coas organizacións humanitarias ‘Pozos de Agua Mayo Rey’ e ‘Acción contra el Hambre’ no marco da exposición Auga Doce, que abrirá as súas portas o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
Este acordo foi asinado polo representante de Cultura e Educación co presidente de ‘Pozos de Agua Mayo Rey’, Ventura Pérez Mariño; e co director de Delegacións Autonómicas e Acción Social en España da ‘Fundación Acción contra el Hambre’, Luis González Muñoz. Segundo Vázquez Abad, “este convenio pon en valor o carácter solidario e o importante discurso ambiental da exposición Auga Doce, que a través do seu contido artístico busca servir de foro de reflexión e difusión sobre a xestión sostible e responsable deste prezado recurso”.
Neste marco, o convenio entre a Xunta de Galicia e as dúas organizacións humanitarias pretende dar a coñecer proxectos centrados en favorecer o acceso á auga potable en zonas desfavorecidas. No caso da ONG galega ‘Pozos de Auga Mayo Rey’ trátase da construción de pozos de auga nunha das rexións máis desfavorecidas do Camerún. Pola súa banda, ‘Acción Contra el Hambre’ está desenvolvendo un proxecto que levará auga potable á zona de Putumayo, no sur de Córdoba (Colombia) co obxectivo de reducir as enfermidades hídricas.
A exposición Auga Doce servirá de altofalante destes dous proxectos, aos que se destinará parte dos beneficios obtidos pola venda de entradas durante o período que este aberta a exposición: do 21 de marzo ao 14 de setembro.
Este convenio de colaboración asinado no marco de Auga Doce coas dúas ONG súmase aos alcanzados con Balnearios de Galicia, a madereira Finsa, o Mercado de Abastos de Santiago e Compostela Monumental; así como aos patrocinios da Fundación Aquae e a eléctrica Gas Natural Fenosa.
Cando a auga é arte
Auga Doce inaugurarase o vindeiro 21 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio coma o MoMA, Victoria & Albert, Rijksmuseum, Musée D’Orsay, Reina Sofía ou Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.
A través de grandes nomes da arte como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgeois, Martín Chirino ou Chema Madoz, a exposición convida ao visitante a achegarse a un elemento tan definidor da identidade de Galicia como é a auga doce.