Arranca o SpinWay!

SpinWay
Santiago de Compostela, 24 de Setembro de 2016

A Cidade da Cultura de Galicia converteuse esta mañá no punto de encontro dos participantes no ‘SpinWay’, no que dez grupos de emprendedores universitarios de Iberoamérica desenvolverán ideas de negocio ao tempo que realizan o Camiño de Santiago.

Os participantes no ‘SpinWay’ reuníronse no Gaiás para coñecer as instalacións nas que do 29 de setembro ao 1 de outubro terá lugar o ‘Spin2016’, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica e que reunirá na Cidade da Cultura a máis de 2.000 asistentes de 20 países e máis de 70 relatores recoñecidos internacionalmente ao longo de tres intensas xornadas de inspiración, aprendizaxe e colaboración.

O ‘SpinWay’ é unha iniciativa innovadora que combina o talento de universitarios de diferentes nacionalidades cun obxectivo común: dar forma a un proxecto emprendedora partir das propostas que a modo de desafío lles propoñen as empresas que colaboran na actividade: Gas Natural Fenosa, PayPal e Maeloc e presentalo en Spin2016. Os mellores proxectos terán ademais un recoñecemento no Spin2016 o día 1 de outubro.

Nesta edición, un total de 10 equipos internacionais de universitarios de América Latina, España e Portugal percorrerán durante catro días os últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago mentres desenvolven ideas de negocio, co apoio e mentoría de expertos do mundo da universidade e da empresa.

‘SpinWay’ é unha iniciativa impulsada por RedEmprendia, a Universidade de Santiago de Compostela e Banco Santander, a través de Santander Universidades. O proxecto conta co patrocinio de Gas Natural Fenosa, Paypal e Maeloc, ademais da colaboración da Xunta de Galicia, a Fundación Cotec, o Tecnolóxico de Monterrey, a FundaciónCidade da Cultura e Xacobeo.