Premios Gaiás-Sixto Seco, ata o 25 de novembro

A Cidade da Cultura de Galicia informa que a presentación dos proxectos aos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco pode realizarse o vindeiro luns, 25 de novembro, ata as 15:00 horas.

Debido a que o último día do prazo -este sábado 23 de novembro-, o rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia permanecerá pechado, todo aquel que desexe entregar de forma presencial o seu proxecto terá a oportunidade de facelo o vindeiro luns.

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco buscan poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades:

  1. Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet
  2. Proxectos na área do deseño
  3. Iniciativas na área da xestión cultural

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura, a asistencia con todos os gastos pagados ao Zinc Shower 2014, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa.

Poden participar nesta convocatoria os titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, deseño e de ensinanzas deportivas.

+ info na páxina do evento