María Solar

María Solar é escritora, xornalista e presentadora da Radio Galega e a Televisión de Galicia. 

Licenciada en Xornalismo e Bioloxía, e diplomada en Maxisterio, ademais ten o título de Especialista en Información Ecolóxica e Ambiental. Sempre se dedicou á comunicación e centrou o seu traballo principalmente en radio e televisión, aínda que tamén colabora en prensa e revistas.

Ten unha ampla traxectoria profesional na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Para a TVG presentou e coordinou durante catro temporadas o programa cultural Zigzag Diario, premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV nos anos 2012 e 2013, así como moitos outros variados espazos como Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, entre moitos outros. Na Radio Galega tamén presentou programas e informativos e sobre todo durante oito anos, dirixiu e presentou o magazine As tardes da Galega

Como escritora diríxese fundamentalmente ao público infantil e xuvenil. Recibiu na súa traxectoria profesional diferentes premios tanto no eido do xornalismo como da literatura infantil.