Educación Secundaria Obrigatoria

Tanto para o Primeiro como para o Segundo ciclo da ESO, ofrécense dúas actividades:

Música acuática. Taller de educación musical

Tras unha visita preparatoria pola exposición, percorreremos diferentes épocas e estilos da historia da música a través dunha escoita comentada de pezas que representan diferentes estados da auga, ilustrado con obras de arte presentes na exposición.

 

A xeografía da auga: ciencia e medio

Actividade de profundización xeográfica que permite identificar no territorio europeo as concas fluviais galegas, españolas e europeas máis importantes a través das súas paisaxes representadas na exposición. A visita adaptada compleméntase cun taller de busca autónoma de información que deberá ser despois identificada no noso mapa xigante.

A auga na arte

A auga é incolora, inodora e insípida. É unha substancia que pode presentarse en diferentes estados e baixo moi diferentes apariencias. Por este motivo, a súa representación visual constitúe un dos grandes retos artísticos para todas as culturas. A través dun percorrido histórico pola exposición Auga Doce comentaremos as múltiples solucións diferentes a este problema de representación na arte (debuxo, pintura, escultura, fotografía e cine).