Abe Rábade

Músico compostelán formado no Berklee College of Music de Boston, no que obtivo unha licenciatura Cum Laude, ofrece unha combinación perfecta entre o jazz e as raíces galegas. A súa curiosidade levouno a asumir proxectos tan fascinantes como Nordestin@s, banda na que xunto ás vocalistas Guadi Galego e Ugia Pedreira realizou unha singular actualización da música popular galega, ou Cantigas Jazz Suite, unha adaptación de cantigas medievais galegas do século XIII a un contexto contemporáneo. Combina a dirección do seu trío de jazz acústico e a docencia, como director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e como profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas de Porto (Portugal).