O 30 de xaneiro é o Día da Ilustración. Foi creado en 2014 pola Xunta de Galicia para potenciar este sector e situalo no lugar que lle corresponde. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao, gran debuxante ademais de político, escritor, pintor e médico. A Rede Galega de Bibliotecas Públicas conmemorará por tanto este día con diversas ctividades para a infancia e xuventude.
Con este motivo, bibliotecarias e bolseiras voluntarias da Biblioteca de Galicia poñen en marcha Xogando coa arte, unha aventura entre libros para nenos de 8 a 12 anos.
A actividade consta de tres partes. Unha, aventureira de busca de pistas, na que os participantes descubrirán o amor pola lectura, da man de Fuco, a mascota bibliotecaria, que guiará aos nenos por unha intrincada aventura polo espazo da Cidade da Cultura, para localizar o libro que trata do cadro El matrimonio Arnolfini, de Jan van Eyck, pintor flamenco do século XV. En segundo lugar, farase unha lectura conxunta do libro atopado e por último, os participantes farán unha versión dun cadro famoso, que elixirán entre os moitos propostos, igual que o fixo o ilustrador do libro. Ao remate, cada participante, poderá levarse a súa particular obra.

