Xeometría para manipular é un obradoiro baseado no libro de Bieito Romero Xeometrías máxicas de Galicia.
Para este obradoiro non é preciso ter coñecementos previos de xeometría. Con todo, traballarase con diferentes curvas e superficies dun xeito lúdico e manipulativo, e serán os propios asistentes os/as encargados/as de crear as súas curvas e superficies.
En primeiro lugar introduciremos o concepto de envolvente e crearemos algunha envolvente “cosendo”. Os/as asistentes verán como son capaces de facer aparecer unha preciosa cardioide.Falaremos tamén de superficies regradas, e posibles maneiras de crealas.
Do mesmo xeito, abordarase a figura de Félix Candela e da súa importancia na arquitectura. Deste xeito construiremos un paraboloide hiperbólico con papel e amosaremos outros xeitos de crealo, así como a creación de preciosas superficies soamente con cartolina.
