A Cidade da Cultura convídate a coñecer o Camiño de Santiago nun percorrido guiado a través de 150 obras de arte e once intervencións artísticas no que descubrir os segredos desta ruta que marcou a Historia de Europa.
Durante as tres xornadas e totalmente de balde, volve ao 820 d.C, punto de partida desta viaxe que comeza co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo, a comunicación do achado ao bispo Teodomiro e o traslado de toda a corte do rei Afonso II o Casto á que co paso dos século sería a Compostela actual. Con obras mestras de grandes artistas como Durero ou Murillo procedentes de recoñecidas institucións, desde a Galería Uffizi ao Prado, Patrimonio Nacional ou a Catedral de Santiago; e outras pezas de alto valor cultural, Camiño. A orixe desprégase polos andares 1 e 2 do Museo Centro Gaiás dividida en tres partes: Santiago o Apóstolo, o Camiño e o Peregrino.

