Ultraluz | Día das Escritoras 2023 na Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia celebra un ano máis o Día das Escritoras, e esta vez faino cun espectáculo poético musical, Ultraluz, de Ledicia Costas e Amaro Ferreiro. A peza está baseada no poemario do mesmo nome da escritora viguesa, co que gañou o XX Premio de Poesía Afundación o ano pasado. 

Ledicia Costas foi máis alá coa súa obra e acompañada da música de Amaro Ferreiro creou o espectáculo Ultraluz, convertendo o texto nunha creación multimedia que se pode abordar agora dende a escoita. Palabra, música e luz únense nesta proposta que chega ao Auditorio Neira Vilas para festexar o Día das Escritoras cunha posta en escena na que a iluminación xoga un papel moi importante e coa propia autora recitando. 

Non é un recital de poesía, non é un concerto, non é unha performance. É un xeito diferente de contar unha historia, unha especie de criatura que muta en cada espectáculo. Velaí o poder do directo.

ULTRALUZ

Ultraluz é unha viaxe a un mundo subterráneo onde se constrúen espazos nos que estar a salvo das sombras que nos fan estoupar. É como baleirarse por dentro para extirpar os nosos monstros. É un traballo doce pero radical, é delicado e é escuro. Hai morte, hai dor e, ao mesmo tempo, hai tanta luz que queres quedar aí dentro. No medio desta dualidade atopamos ambientes e texturas electrónicas, piano e guitarra eléctrica para converter os poemas de Ledicia Costas nun experimento de spoken word e música atmosférica. Esta proposta é a adaptación do libro ao escenario. Significa a conversión da obra a unha nova expresión artística onde conviven palabra, música e luz. Dialogando arredor de Ultraluz, o músico e a autora decidiron experimentar para buscar as novas posibilidades que existían sobre un escenario. Deste xeito, Amaro Ferreiro procurou os sons para envolver os poemas. Xuntos inventaron unha nova dimensión de Ultraluz que potencia o que hai nas páxinas do libro. O que vai atopar o público é unha viaxe que cruza a poesía, a través da voz da autora, a música, da man de Amaro Ferreiro e Sergio Martínez, e a luz.