Transformando a música en patrimonio. Xornada técnica na Biblioteca de Galicia

O venres 31 de maio terá lugar unha nova xornada técnica na Biblioteca de Galicia, co título «Transformando a música en patrimonio». Como cada ano a institución cabeceira do Sistema de Bibliotecas da nosa comunidade autónoma organiza unha serie de encontros para analizar e debater algún dos temas transversais vencellados as nosas institucións da memoria. Nesta ocasión a xornada estará centrada no patrimonio sonoro. Os documentos sonoros e audiovisuais tamén forman parte do acervo cultural dun pobo, e como tales deben preservarse e difundirse.

A xornada organizada pola Biblioteca de Galicia ten como obxectivo que os asistentes coñezan non só como se está a traballar sobre o patrimonio sonoro en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España ou a Biblioteca de Catalunya, senón tamén achegarse ao labor que están desenvolvendo institucións como o Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega, ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, posto en marcha polo Museo do Pobo Galego, para conservar a herdanza sonora de todas as galegas e galegos.

Historia e futuro do patrimonio sonoro

Neste novo encontro non se quere deixar de lado a investigación que se está a realizar, fundamentalmente desde as universidades, para coñecer o patrimonio sonoro galego, tanto material como inmaterial. Tomando como referencia a exposición Botamos un baile? Cen anos de orquestras de verbena en Galicia, que se pode visitar na propia Biblioteca de Galicia ata o 2 de xuño, os comisarios desta mostra, Zósimo López e Henrique Neira falarán da nosa verbena, da súa historia e de como se atopa actualmente a investigación desta parte «lúdica» da nosa historia. De xeito complementario, os investigadores do INCIPIT-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros e Fátima Rodríguez-Porto poñerán o foco no testemuño material que deixaron esas verbenas. Os sons que definiron a nosa historia precisaron tamén duns espazos para escoitalos e bailalos, e esa complementariedade estará presente nesta nova xornada.

O mesmo que tamén terá o seu lugar a historia da nosa música máis popular, coas orquestras de verbenas como máximo expoñente, e a historia da nosa música máis clásica e culta. Daniel Seijas, director do xa mítico programa Palco de Estrelas, achegará a visión da música como puro espectáculo, mentres de Laura Touriñan terá como referencia a Marcial del Adalid Gurrea, considerado o pai do xénero da melodía galega, para explicar como se desenvolveu un proxecto con fins investigadores e divulgativos vencellado ao noso patrimonio sonoro.

Por último esta xornada da Biblioteca de Galicia non podía deixar á marxe o futuro do patrimonio sonoro. Xa é unha realidade que cada vez se escoita máis música en streaming. Os vinilos e CD´s serán cada vez máis testemuñais á hora de consumir música, polo que as bibliotecas tamén teñen que contar con información para facer fronte a esta nova situación. O profesor da Universidade Complutense de Madrid, Marco Antonio Juan de Dios Cuartas, pechará a xornada transmitindo o seu coñecemento sobre a produción musical e preservación dixital na era do streaming.

Aínda que a xornada está fundamentalmente deseñada para as e os profesionais das institucións da memoria de Galicia, co obxectivo de mellorar a súa formación, a inscrición é libre e gratuíta para calquera persoa interesada e pode realizarse a través desta mesma páxina.

 
Letras & Pensamento