A Biblioteca de Galicia conmemora un ano máis o Día das Letras Galegas cunha programación específica coa que homenaxea a Luísa Villalta, a protagonista da efeméride neste 2024.
Dentro deste programa o público familiar poderá gozar dunha peza teatral a cargo de Fantoches Baj que presenta unha enxeñosa función de monicreques para público familiar a partir do libro de Luísa Villalta “As chaves do tempo”. Baixo a máscara dunha compañía italiana de Contastorias ocúltanse Don Pedro, herdeiro da coroa do reino de Galiza, e María das Augas Doces, señora do castelo de Montemaio. Na súa viaxe na procura do mago Merlín arrastran unha carreta con todo o que precisan para contar historias: unha silueta de cabalo, unhas marionetas, un teatriño a modo de pupis siciliano e un Kamishivai ilustrado.