Sobre Sorpresa. Aldaolado

Con motivo da conmemoración do Día do Libro, terá lugar no Auditorio da Biblioteca de Galicia a función Sobre Sorpresa. Un espectáculo familiar a cargo do dúo Aldaolado cuxo fío condutor é unha reflexión sobre o fracaso na sociedade. 

Lucía Aldao e María Lado caracterízanse pola súa particular forma de expresarse combinando poesía, música e humor na súa posta en escena.

A obra fala das inquedanzas de dúas poetas que xa chegaron aos 40 e de todas aquelas persoas que algunha vez se cuestionan se o que se agarda delas é exactamente o que elas agardan da vida. E, sobre todo, fala desas persoas que aínda manteñen a curiosidade e a ilusión, sen medo a saír perdendo.

Que entendemos por fracasar nun tempo onde nada semella durar? É o recoñecemento o único obxectivo? Canto tempo temos para chegar a esa meta e...de verdade é iso o que queremos? Este tipo de preguntas atravesan os poemas e as cancións de Sobre Sorpresa. Aldaolado, sen abandonar a ironía que as caracteriza e volvendo a interpretarse e cuestionarse a si mesmas, intentan dar algunha resposta ou, cando menos, dedicar uns minutos (e uns versos) a este debate que ninguén lles mandou abrir.

 
En familia
 
8 de xuño de 2024
Ás 11.30 e ás 12.00 horas