Nove malabaristas, 80 mazás, catro xogos de té e un caleidoscopio que rompe esquemas. Benvidos a Smashed, espectáculo co que a compañía británica Gandini Juggling está a reinventar o circo contemporáneo con grande éxito de crítica e de público.
Inspirado na obra da excelente bailarina alemá Pina Bausch, Smashed combina teatralidade, xogos de malabares con mazás e unha sincronización perfecta entre os 9 compoñentes do grupo. Cunha estética dos anos 40 e ao ritmo de cancións de época, Smashed preséntase como un espectáculo cheo de humor, relacións tensas, amores imposibles, inocencia perdida e o estrano encanto dun té a media tarde.
Considerada unha das mellores compañías do mundo da arte dos malabares, Gandini Juggling chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo aclamado pola crítica –obtivo o Premio Herald Angle no festival de Edimburgo- e representado máis de 200 veces desde 2011.
Unha oportunidade única para gozar da arte contemporánea, a danza, o teatro e os malabares nun mesmo espectáculo.
Duración: 60 minutos.
Idade recomendada: a partir de 7 anos.


