Este 2026 celebramos o Día do Circo co espectáculo Sen patrón, unha proposta de Pistacatro, compañía galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, pensada para gozar en familia no Xardín do Teatro.
En formato cabaré e ao máis puro estilo da compañía, o espectáculo combina teatro e circo a través de números aéreos, acrobacias, malabares ou roda cyr. Unha montaxe dinámica e sorprendente que constrúe unha dramaturxia propia, na que conviven o circo máis tradicional coas súas formas contemporáneas.
Sen patrón xoga cunha pregunta tan sinxela como reveladora: que pasa cando varias persoas queren levar a batuta ao mesmo tempo? A partir de aí, créase un universo no que os obxectos voan, o caos se converte en espectáculo e o humor acompaña unha reflexión sobre a colaboración e o xogo compartido.
Unha proposta aberta, festiva e accesible para todos os públicos, ideal para celebrar a chegada da primavera ao aire libre nun espazo privilexiado como o Xardín do Teatro.
Sobre Pistacatro
Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis destacadas de Galicia. O seu traballo combina creación escénica, formación e impulso ao sector, contribuíndo á profesionalización das artes circenses e ao desenvolvemento de novas linguaxes dentro do circo contemporáneo.
