Sema... a cerimonia dos dervixes

A Cidade da Cultura de Galicia súmase ao IX Festival de Músicas Contemplativas co concerto do Meshk Ensemble: 'Sema... a cerimonia dos dervixes'.

O significado literal de Sema é escoitar. Para os dervixes Mevlei, esta palabra leva implícito estar engaiolado mentres se escoita música, en movemento e xirando. Simbolicamente refírese así á creación do universo e ao comezo do xénero humano, así como ao amor do Gran Creador e na percepción como servidor dese creador mentres se converten no 'home perfecto'. Sema é un zikhir, baile durante o cal os dervixes, en silencio, invocan o nome de Alá en cada xiro. Como os Mevlevi teñen amplas miras e mentes abertas, empregan todo tipo de instrumentos compatibles coa súa música, incluíndo algúns de occidente como o violín, a viola ou o violoncello; tanto é así que o primeiro piano que chegou a Istambul foi tocado no Galata Mevlevi Lodge e non foi utilizado de novo pois non contaba con todos os tons necesarios para interpretar música turca. Deste modo, o ney, o kudum, o oud e outras percusións como o bendir, o daire, o halile se converteron en indispensables.

Na primeira parte da actuación preséntanse distinguidas pezas da música sufí turca que cobren un amplo período dende o século XIII ata a actualidade e unha extensa área territorial arredor de Asia Menor. Estas cancións tradicionais sufís foron compostas a partir de versos de poetas sufís como Yunus Emre e Niyazi-i Misri, e son presentadas sen Sema, como se fai tradicionalmente. Na segunda parte, o conxunto interpreta a música ayin, música composta especificamente para acompañar o Sema, a danza dos semazen (dervixes). Actualmente, o obxectivo principal do grupo é a recuperación e presentación das composicións ayin perdidas. Existen só 74 composicións "tradicionais" coñecidas de antes de 1925, cando os salóns Mevlevi foron destruídos, e 26 delas aparecen mencionadas en varios documentos aínda que non estaban dispoñibles en ningún lugar. As investigacións do director do Meshk Ensemble, Timuçin Çevikolu, tiveron como froito a recuperación de tres destas composicións, pezas de gran valor que non foron interpretadas durante máis dun século e agora forman parte do repertorio presentado polo Meshk Ensemble.

MESHK ENSEMBLE

O Meshk Ensemble é o nome adoptado recentemente por un conxunto de músicos que levan presentando xuntos a música turca sufí dende 1998. O seu director artístico,  Timucin Cevikoglu, é o maior investigador no campo da música sufí e a tradición Mevlevi e artista do Ministerio de Cultura turco. Meshk Ensemble pretende ser un lugar de encontro para os amantes da música clásica turca, onde poden ensinar, aprender e compartir. As súas actuacións en Turquía e o estranxeiro, tanto en grupo como individualmente baixo o nome de Meshk Ensemble, inclúen certames como Festival Mantras 2011 (Madrid), o Assa Festival 2012 (Marrocos) e o World Sufi Spirit Festival 2013 (India).