Rubicundo | Día do Libro Infantil e Xuvenil

Con motivo da conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil o vindeiro 2 de abril, a Biblioteca de Galicia tráenos Rubicundo, unha función a cargo de Teatro Ghazafelhos e baseada na novela homónima de María Canosa.

Ninguén parece reparar en Rubicundo, un misterioso personaxe que cada noite percorre as rúas na súa bicicleta, enfundado nun gabán e un sombreiro de copa. Ninguén agás Erea, unha rapaza curiosa disposta a desentrañar os seus segredos. A música en directo, os monicreques e as acrobacias son tan só algúns dos ingredientes cos que se constrúe esta emocionante obra. Así, a amizade e os soños son o fío condutor dunha función cunha posta en escena chea de sorpresas e na que Teatro Ghazafelhos leva aos escenarios a fermosa narración de María Canosa.

Teatro Ghazafelhos

Composta por Montse Piñón, Pepablo Patinho e Jorge Casas, Ghazafelhos é unha compañía galega de referencia na creación de obras para público infantil e familiar. As súas pezas caracterízanse pola mestura de diversos xéneros teatrais e a introdución de variedade de temas, transportando ao espectador a mundos máxicos.