Rosalía | Teatro familiar

As biografías non o contan pero Rosalía, unha das grandes voces literarias, foi tamén unha nena alegre que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía, que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago de Compostela, é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlle ás rapazas e aos rapaces que a infancia é o lugar onde medran as e os poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

A Biblioteca de Galicia, con motivo da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro, organiza este espectáculo a cargo de Culturactiva Producións no que se representa a unha Rosalía sendo unha rapaza nun momento crucial da súa vida. Trátase dun dos espectáculos do momento con Rocío González (elixida mellor actriz María Casares 2020) e Cris Collazo en escena, dirixidas por Fina Calleja.

A montaxe está destinada a público infantil e familiar, recreando a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. “Rosalía” adéntrase na infancia dunha nena fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar as palabras.