Rosalía entre outras

Rosalía entre outras será un concerto moi especial no que tres músicos de Xardín Desordenado interpretarán cancións compostas sobre textos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e cancións basadas en textos doutras seis poetas galegas de distintas xeracións: Olga Novo, Enma Pedreira, Pilar Pallarés, Luisa Castro, Marta Dacosta e Cristal Méndez Queizán.

Con frecuencia preséntase a Rosalía como unha figura afastada do resto da literatura galega, case como un fenómeno illado do resto das autoras, co que se produce un distanciamento en relación cos lectores máis novos. Trátase de integrala aquí con outros textos máis modernos, para un goce máis doado e comprensible pola xente nova. Ao tempo quedarán en evidencia as diferenzas sociais entre un país de hai 150 anos, relatado por Rosalía, e o país de finais do século XX e principios do XXI descrito polo resto de autoras, contraste que consideramos provocador para os lectores.

Antes de interpretar cada canción explicarase brevemente á traxectoria da autora, o contido do libro e o valor primordial do poema. En canto a valores, tratándose de Rosalía, resaltarase o poder dunha soa autora describindo toda unha sociedade. No caso das autoras contemporáneas repártense, en certo modo, ese traballo. Quedará en evidencia o diferente papel da muller nunha e outra sociedade. Olga Novo, por exemplo, describe no seu poema os padecementos físicos da súa nai para que ela puidese acceder á cultura. Marta Dacosta percorre o mundo feminino da súa familia, Luisa Castro describe a vida nun internado de monxas, Pilar Pallarés describe no seu poema a paixón poética, Cristal Méndez fai no seu poema unha referencia á "vida na estrada", é dicir a xeración beat. María de Cebreiro fai unha broma sobre a posible condición de sereas da que dispoñen as mulleres.

Ao final da actividade, iniciarase un coloquio sobre as cancións, sobre os autores, sobre os valores, iniciado polos músicos de Xardín Desordenado.