Retrete Cabarete é un espectáculo que muda constantemente. O resultado de 17 anos de creación en manipulación de obxectos e teatro visual da compañía El Retrete de Dorian Gray e o seu xeito singular de entender o teatro de marionetas. Aquí non ides ver bonecos ao uso. Globos, fotografías, e as propias mans de Ezra Moreno e Marcos PTT constrúen un mundo xurdido da nada ante os vosos ollos.
En Retrete Cabarete a compañía recompila as súas mellores pezas curtas, creadas ad hoc ou extraídas dos seus espectáculos longos. Mais lonxe de limitarse a ser un rexistro do seu legado, a función cambia cada vez, atenta ás reaccións químicas entre os dous artistas, ás variacións do clima da sala e do público ante o que actúan.
O sábado 7 de outubro de 2023, ás 17.30 horas, no Auditorio 1 do edificio CINC da Cidade da Cultura, tedes un convite para entrar nun cabaré onde todas e todos son benvidos, e que xa foi testado ante audiencias de máis de vinte países en catro continentes!
Entradas á venda en Ataquilla.com desde 5 euros (descontos aplicables).
El Retrete de Dorian Gray
El Retrete de Dorian Gray é unha compañía de dúas persoas que fan cousas para que a xente diga «uala!», «oohhh!» ou «hahahaha!». Ezra Moreno e Marco PTT investigan os monicreques desde ángulos inusuais. Constrúen mundos de papel, látex e tea. Desenvolven técnicas propias de manipulación e implícanse en cada fase da produción, desde o formato ata a construción da escenografía.
Os seus espectáculos constrúense sen palabras, cun especial interese na poética visual e en explorar un territorio —o teatro de monicreques e obxectos— que lles permite xogar e experimentar con (case) todo o que lles gusta: o ilusionismo, o cabaret, a fotografía e o cinema primitivos, os musicais, os obxectos vetustos e extravagantes, o clown, os enxeños mecánicos, o circo sideshow, o surrealismo, a cultura pop… Esta é a materia prima coa que El Retrete de Dorian Gray crea grandes shows a partir de pequenos obxectos.
