Residencias ArtLab IGFAE | REGA 2025

A Cidade da Cultura e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro de investigación mixto da USC e a Xunta de Galicia, poñen en marcha as Residencias ArtLab IGFAE, unha nova iniciativa para promover proxectos artísticos vinculados coa investigación científica no campo da física. Estas residencias diríxense a persoas ou colectivos que desenvolvan o seu traballo en todo tipo de disciplinas artísticas, con propostas que abran novas perspectivas no campo da arte, da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade, ben a través dunha obra totalmente nova ou da ampliación de obra en curso.

O/a artista residente terá un espazo de traballo no IGFAE e posteriormente nos espazos REGA da Cidade da Cultura para realizar a súa propostas. Durante todo este tempo beneficiarase, ademais, de asesoramento científico e artístico mediante a colaboración co persoal do IFGAE e do Gaiás. Isto permitiralle descubrir proxectos de investigación científica, os seus obxectivos, os métodos empregados e enfoques experimentais ao tempo de pór en diálogo estas experiencias e procesos coa mentoría artística.

A proposta elixida recibirá, ademais, unha achega de 8.000 euros e aloxamento nunha residencia universitaria para o seu desenvolvemento. A resolución da convocatoria anunciarase o 3 de decembro de 2025 e o período de residencia será entre o 1 de febreiro e o 30 de abril de 2026. A obra resultante darase a coñecer ao público nunha exposición na Cidade da Cultura no último trimestre de 2026.

Prazos e candidaturas

A convocatoria diríxese a artistas (maiores de 18 anos) ou colectivos artísticos relacionados co contexto artístico contemporáneo galego e o prazo de candidaturas está aberto ata o 20 de outubro de 2025.

Cada solicitude deberá achegar o formulario de inscrición cuberto e asinado, ademais da seguinte documentación, que deberá enviar por correo electrónico ao enderezo que figura nas bases da convocatoria:

  • Descrición do traballo artístico que se vai realizar (máximo 300 palabras).
  • Breve descrición das expectativas con respecto á colaboración coa comunidade científica, así como os recursos necesarios (máximo 600 palabras).
  • Plan de produción do proxecto, cronograma e estimación de custos desagregados por partidas.
  • Dossier artístico que inclúa proxectos e obras anteriores cunha breve biografía.

Beneficios da residencia

  • Un espazo de traballo no IGFAE durante un máximo de 6 semanas e un mínimo de 3 semanas.
  • Un espazo de traballo na Cidade da Cultura durante un máximo de 6 semanas e un mínimo dunha semana.
  • Mentoría científica e asesoramento artístico e curatorial durante o desenvolvemento do proxecto.
  • Aloxamento nunha residencia universitaria durante os meses da residencia e nas datas que se puidesen precisar para participar en actos e actividades derivados da mesma.
  • Difusión do proxecto en publicacións e redes do IGFAE e Cidade da Cultura.
  • Unha bolsa de 8.000 euros na que se inclúen honorarios, gastos de produción, viaxes e manutención.
 
Letras & Pensamento