REGA Residencias Paraíso | Danza e artes vivas no Gaiás

A Cidade da Cultura súmase á quinta edición das Residencias Paraíso na promoción de proxectos anovadores no ámbito da danza e as artes vivas.  Ao longo do verán, os espazos de residencia do Gaiás dan acubillo á creación de parte das propostas que resultaron beneficiarias na convocatoria de 2021. Este programa, organizado polo colectivo RPM coa colaboración da Xunta Galicia e doutras institucións, pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación de novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio. 

Este ano foron 8 os proxectos seleccionados entre un total de 160 candidaturas que dan conta da enorme capacidade creativa da comunidade artística vencellada ás artes vivas en Galicia. Entre elas, a comisión conformada por Caterina Varela, Félix Fernández, Cris Vilariño, Cristina Moreira e Jacobo Pallarés escolmou as propostas Octopus to the party, do colectivo do mesmo nome, e A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, de María Llanderas . Ambas propostas serán desenvolvidas nos espazos de residencia do Museo Centro Gaiás e o Salón Teatro nos meses de xullo e agosto. Estas dúas residencias intégranse así no programa REGA (Residencias artísticas do Gaiás), co que a Cidade da Cultura pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadoras e creadores de dentro e fóra da nosa comunidade e busca constituirse como viveiro artístico e cultural.

Residencias Paraíso no Gaiás

 Octopus to the party

 

COLECTIVO OCTOPUS TO THE PARTY

Datas de residencia: Do 5 ao 25 de xullo

Lugares: Espazo de residencia 232. Museo Centro Gaiás | Salón Teatro

 

Co proxecto Octopus to the party, o colectivo aborda desde unha óptica transdisciplinar o concepto de festa como elemento vertebrador social indispensable, actualmente en crise pola situación de pandemia que estamos a vivir. A proposta sitúanos nun contexto inquietante que eles sintetizan con estas palabras a modo de sinopse: “Congresos de vehículos non tripulados con traxes que semellan persoas, tobogáns inaccesibles e unha inquietude promovida pola falta dunha boa festa desembocan nunha exploración da troula nun futuro incerto."

 residenciasparaisoMaria

 

MARÍA LLANDERAS

Datas de residencia: Do 19 de xullo ao 8 de agosto

Lugares: Espazo de residencia 232. Museo Centro Gaiás | Salón Teatro

 

Co proxecto A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, a artista María Llanderas tece unha proposta que abraza o espírito inconforme da poeta Xela Arias e o seu pulo por facer da súa obra escrita unha arma viva, trasladando ao corpo e ás artes vivas toda esa linguaxe emocional.  O proxecto bebe da vontade de comunicación entre as distintas disciplinas artísticas pola que sempre apostou a autora que este ano recibiu a homenaxe das Letras Galegas. 

Canda as propostas mencionadas, o programa de residencias complétase cos traballos Antes todo esto era campo, do Colectivo Nerval; Coreografías selváticas de Adriana Reyes; 30' 70 60'120, de Marta Valverde; El dios del pop, de Diego Anido; Memorias danzantes, de Miriam Rodríguez e Olga Cameselle; e Cerimonia de Helena Salgueiro e Verónica Moar.  súas novas creacións nunha residencia combinada entre os Espazos de Residencia do Museo Centro Gaiás e o Salón Teatro. A Universidade da Coruña, o Teatro Rosalía de Castro, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, o Pazo da Cultura de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, o vello cárcere de Lugo, e o Centro Torrente Ballester de Ferrol completan a nómina de espazos que abeirarán o agromar de novas creacións. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, até residencias de carácter técnico.

Residencias Paraíso é un programa promovido polo colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración do Concello de Santiago, o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Ferrol, a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.