Real Filharmonía de Galicia

A Cidade da Cultura celebra o 21 de xuño o Día da Música, cun concerto a cargo da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Oliver Díaz, Javier Otero como piano solista e a estrea absoluta de Auga Doce, a tocatta para piano e orquestra composta por Juan Durán para a exposición homónima.

A partir das 21 horas e co patrocinio de Aguas de Mondariz, a Real Filharmonía de Galicia subirá ao escenario do Museo Centro Gaiás para celebrar o Día da Música baixo a batuta de Oliver Díaz, director convidado e titular da Orquesta Sinfónica Ciudad de Gijón, OSIG, e da Barbieri Symphony Orchestra, BSO. Cun extenso repertorio que abarca desde o barroco ata a música contemporánea, Díaz ponse á fronte da Real Filharmonía tras dirixir concertos en España, Portugal, Francia, Alemaña, Romanía e Estados Unidos con algunhas das orquestras máis prestixiosas do mundo. 

Xunto coa Música acuática de Händel e a Sinfonía nº 40 en Sol Menor de Mozart, o Museo Centro Gaiás acollerá a estrea absoluta de Auga Doce, a tocatta para piano e orquestra composta por Juan Durán para a exposición homónima que acolle a Cidade da Cultura ata o 14 de setembro. 

Juan Durán, que vén de ser galardoado co Premio da Cultura Galega en recoñecemento ao seu labor no mundo da música, busca nesta peza duns quince minutos de duración evocar o suave fluír da auga, a súa luminosidade e doce tintineo. Para iso estará acompañado ao piano solista de Javier Otero, un dos mozos pianistas españois con maior proxección nacional e internacional e caracterizado por posuír unha precisión e unha técnica impecable cun carácter e un estilo que fusionan xuventude, frescura e vitalidade.

Este 21 de xuño vén celebrar o Día da Música ao Gaiás.