Que é iso das invasións biolóxicas? Imos explicalo entre todos

Cando escoitamos nos medios de comunicación información referente ás “invasións biolóxicas”, a nosa imaxinación trasládanos a un campo de batalla no que hordas de enfurecidos guerreiros veñen invadir a nosa tranquilidade. Con todo, poucos son conscientes de que as plantas e animais que se converten en invasoras, foron sacadas dos seus ecosistemas polo home, e a súa “proeza” é ter conseguido adaptarse ao novo ambiente hostil no que lles tocou vivir.

Da man dun equipo de científicos especializados no estudo das causas e as consecuencias das invasións biolóxicas e uns artistas gráficos preparados para transformar esta información en imaxes, poderás aprender un pouco máis acerca deste fenómeno biolóxico que, desgraciadamente, hoxe en día converteuse en habitual e constitúe unha das principais causas da perda da biodiversidade en todo o planeta. Despois de aprender un pouco máis sobre este fenómeno, utilizaremos a túa creatividade e imaxinación para transmitir a mensaxe de alerta a todo o planeta.