Presentación final proxectos | Axudas REGA 2025

Este luns 24 de novembro convidámosvos a coñecer de primeira man os procesos creativos das artistas seleccionadas nas Axudas REGA 2025. Seis proxectos de creación contemporánea que maduraron este outono nas residencias artísticas da Cidade da Cultura. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade de cada espazo.

11 h. REGA 4 | «Desde a fonte no pobo ata un piso no terceiro nivel» | Mar Ramón Soriano


Mar Ramón Soriano investiga en Desde a fonte no pobo ata un piso no terceiro nivel as conexións afectivas, formais e simbólicas entre Galicia e o Reino Unido a comezos do século XX. Destes contactos xorde un atlas escultórico no que conviven documentación histórica e obxectos relacionados coa literatura de viaxes e as fotografías que definiron a imaxe de Galicia para a poboación británica, así como as relacións estéticas entre a cerámica inglesa e galega.

12 h. Museo Centro Gaiás, andar 0 | «Cidade sonora» | Andrés Rodrigues e Iván Nespereira


Cidade sonora é a proposta do músico e antropólogo asturiano Andrés Rodríguez Monteavaro e o fotógrafo e realizador de Ourense Iván Nespereira para crear un arquivo sonoro e visual da Cidade da Cultura. A captación minuciosa de son e imaxe e a composición dunha peza de música vangardista ofrecerán unha nova forma de representar e vivir a contorna do Gaiás que revelará conexións singulares entre os materiais, a arquitectura e os suxeitos que a habitan.

17 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «Azulexería» | Loaira Pérez

Azulexería

A deseñadora Loaira Pérez presenta en Azulexería o resultado da súa investigación coas formas e materiais cerámicos para a creación dun mural inspirado nos galeses que cobren as vivendas tradicionais na zona de Arousa, onde ten o seu taller Raposiñas. Delicadas cunchas de vieira en porcelana translúcida, colocadas sobre un soporte que permite movelas, creando fermosos xogos coa luz.

17.30 h. REGA 3 | «Aburrimento» | Marta Alonso Tejada 


A directora e coreógrafa Marta Alonso Tejada, o arquitecto Juan Rodríguez, e a artista visual Laura Iturralde, co apoio da profesora da USC Cristina Portela, investigan como integrar a participación da cativada, familias e docentes na construción de escenografías para o xogo e a aprendizaxe. Un laboratorio de experimentación no que participan tamén as bailarinas María de Vicente e Inés Santos, e que servirá de base para a futura peza de danza, Abúrrome

18.30 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «Cerebral 4.0» | Alberto Castaño


Cerebral 4.0 é unha proposta de arte dixital que explora as posibilidades de controlar instrumentos virtuais e imaxes empregando as ondas cerebrais. Alberto Castaño leva toda a residencia entrenando cun dispositivo rexistra as ondas eléctricas do seu cerebro para traducilas a ordes concretas e de aí trasladalas a comandos específicos nun programa de creación musical dixital. Un espectáculo sonoro e visual que afonda na raíz de todo proceso creativo.

19 h. Museo Centro Gaiás, andar -1 | «Dream On» | Antuán Rivas

Dream On

Antuán Rivas estréase como creador escénico con Dream On, unha peza teatral cunha forte presenza audiovisual onde hai distopía, crítica e optimismo. Cun único personaxe en escena, dúas voces (Paula Carro e Ruth Pazo) que contan en primeira persoa a historia de dúas mulleres, a colaboración de Raquel Gomes na dirección escénica e na escrita, e a música do vigués Cristian Vila, Antuán móvenos entre a fin do mundo e o entresoño, entre a apocalipse e a esperanza, para facernos reflexionar sobre esa tendencia actual a sentir nostalxia por algo que non vivimos.

 
Letras & Pensamento