Presentación «Exercicios sonoros de cartografía inversa» | Axudas REGA 2024

Os músicos Pablo Seoane e Macarena Montesinos desenvolveron durante a súa estadía no Gaiás coas Axudas REGA un proxecto que suscita a creación dunha obra musical e un artefacto audiovisual a partir da relectura da colección de cartas náuticas e mapas topográficos da costa galega conservados na Biblioteca e Arquivo de Galicia e dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia, que van dende o ano 1603 ao século XX.

Exercicios sonoros de cartografía inversa explora a relación transfronteiriza dos mapas, do territorio e da realidade, ao tempo que investiga novos sistemas de representación e notación musical. Os artistas compartirán o resultado cun pequeno concerto/instalación na Cidade da Cultura o venres 22 de novembro ás 12.00 horas, con entrada de balde previa reserva de praza na web.

Se queres afondar no procedemento para a construción deste manual de navegación e composición musical que fixeron durante a súa residencia artística no Gaiás, podes ler a entrada sobre o proxecto no noso blog.

Tanto Macarena Montesinos como Pablo Seoane son músicos cunha ampla e recoñecida traxectoria dentro e fóra de Galicia, principalmente vencellada á improvisación, a performance, a música contemporánea e experimental e o jazz. Ambos teñen frecuentado espazos fronteirizos entre a música e outras disciplinas, sendo o exemplo máis recente a interpretación en setembro de 2023 da peza orixinal de Seoane Cicerón tira os dados e sáelle Venus, obra na que os elementos plásticos e gráficos e as técnicas de lectura non convencional son de capital importancia.